miércoles, 14 de noviembre de 2012


A MALLA

Malla en Ferreira de Pallares en 2010
 No mes de agosto realizábase a malla, que consistía en separar o gran da palla. Isto facíase con mallos, que eran dous paus de madeira unidos cunha tira de coiro. Máis tarde empezaron a vir máquinas malladoras e limpadoras.

Primeiro limpábase ben a eira con vasoiras de xesta e de codeso. Algunhas estaban ben preparadas, pero outras presentaban furados e había que facer unha pasta con bosta de vaca e auga que se estendía cunha vasoira de xesta para alisar o chan.

Facendo o palleiro
Xuntábanse os veciños e alugaban unha máquina malladora. Xa na eira, repartíanse o traballo: os máis novos situábanse na meda tirando os mollos á máquina; alí, tres ou catro persoas desatábanos e poñíanos no taboleiro, onde outras dúas, a relevos, espelíanos para poder meter o cereal na máquina. Polo lado que saía a palla, recollíana as espalladoras coidando de que non levase gran. Neste punto esperaban os carretadores, normalmente os máis novos, para que lles enchesen as cordas co brazado, que levaban ao lugar onde dúas persoas, normalmente as máis veteranas e curiosas, a colocaban e facían o palleiro. Outros arrastraban o gran cun rodo para unha pila. Este limpábase cunha máquina limpadora, medíase cun ferrado e gardábase nunha tulla ou nunha hucha. Ao rematar a malla comían na casa que tocara facer o traballo e cantaban e bailaban ata cansar.   
                                                                                                                                                               
Comida despois da malla
                                  

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada