lunes, 19 de noviembre de 2012

A ELABORACIÓN DO PAN

O gran levábase moer ao muíño para obter fariña. Os muíños adoitaban ser de pedra e a maioría tiñan unha soa roda. O gran botábase na moega e segundo se quixese fariña miúda ou brava, abríase a respectiva peneira. Como pago deste traballo o muiñeiro collía parte do gran que se levaba, que recibía o nome de maquía.

O pan elabórase con fariña, auga, sal e lévedo. A véspera de cocer faise o requento, con fariña e o lévedo, un anaco de masa que se deixa da outra fornada tapado con sal e unha berza por riba. Amásase e déixase ata o día seguinte.

Bótase a fariña na artesa, engádeselle auga morna con sal e o requento. Logo amásase coas mans. Cando está todo ben mesturado, tápase e déixase levedar algo máis dunha hora. Unha vez levedado, córtase en anacos e dáselle forma para meter no forno cando estea quente.

Cando a masa empeza a subir, comézase a quentar o forno con leña de xesta, carballo, bidueiro, salgueiro... O tempo para quentalo é diferente para cada forno, pois depende do tamaño, do grosor das pedras, etc. De vez en cando hai que retirar as brasas e a borralla, coa axuda do rodo. Antes de meter o pan no forno várrese cunha vasoira de xestas.

Logo, coa axuda dunha pá de madeira, métese o pan no forno e tápase axustando ben a porta para que non enfríe. Algunha xente fai unha cruz coa propia pá na porta, outros din oracións ou levantan a tapa da artesa para que o pan medre. A cocedura dura máis ou menos hora e media.

Normalmente, o pan facíase con fariña de centeo para comer a familia todos os días. Para as ocasións especiais, como festas, elaborábase con fariña de trigo. Co paso do tempo empezouse a sementar máis trigo e, loxicamente, a facer o pan de diario con trigo. Algunhas veces tamén se facían tortas de millo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada