A preparación máis laboriosa era a das bouzas.
Primeiramente rozábase a maleza existente coa axuda de fouces, que se levaba en
carros para estrar as cortes. Logo, valéndose de legóns e aixadas, cavábanse os
terróns e deixábanse secar. Unha vez secos, amontoábanse en borreas e queimábanse.
A cinsa obtida estendíase polo terreo e servía de fertilizante.
 |
Asucando co arado romano |
As leiras arábanse co arado de ferro ou co de pau,
tamén chamado romano, tirado por unha parella de vacas, aínda que as casas moi
ricas posuían algunha parella de bois. Logo, gradábase ou acanizábase para
desfacer os terróns e volvíase arar con regos máis miúdos, para que a terra
quedase máis solta. Despois de volvela gradar, atopábase lista para a
sementeira. Nas leiras deixadas a coita, que estaban descansadas do ano
anterior, o traballo era máis doado e non esixía realizar tantas araduras.
Na terra que se cultivaba anualmente, o normal
era empregar a rotación de cultivos. Deste xeito, na que un ano se sementaba
centeo, ao seguinte botábase millo; mentres que na que se plantaba trigo, a
sementeira seguinte era de patacas.